Friday 17 de May de 2024

O Concello de Neda busca impulsar a teleasistencia entre as persoas maiores que vivan soas


O Concello de Neda pretende incrementar o número de usuarios/as do servizo de teleasistencia no municipio. Por iso, informa da dispoñibilidade de solicitar novos terminais para persoas maiores que vivan soas ou que teñan algún problema, que dificulte a súa autonomía doméstica. Na actualidade, contan con este programa socio asistencial un total de 35 veciños/as da localidade.

Explican desde a área de Servizos Sociais que, aínda que neste 2023 a demanda do servizo aumentou, existe marxe para solicitar á Deputación Provincial, de quen depende o servizo, a inclusión de máis persoas usuarias. Son potenciais beneficiarios os veciños/as de máis de 65 anos que non teñan aínda recoñecido o grao de dependencia.

Trátase, segundo apunta o alcalde, Ángel Alvariño, “aportarlle tanto aos maiores como aos seus familiares seguridade e tranquilidade, ao garantir unha atención axeitada no caso de que teñan unha emerxencia” durante as 24 horas do día e todos vos días dá semana. Engade que o programa está especialmente pensado para a poboación que vive soa, ou que non teña compaña boa parte do parte do día ou que conviva con familiares de idade avanzada.

A teleasistencia permite aos beneficiarios/as, en todo momento e ante calquera situación de risco, entrar en contacto telefónico co Centro de Atención, con só accionar a pulseira ou medallón que deben levar sempre consigo. A chamada é atendida por unha persoa formada especificamente que, en caso de necesidade, mobilizará os recursos precisos para liquidar o problema. Habería que engadir ademais unha función preventiva, centrada en interesarse e dar compañía.

Desde o Concello poñen en valor a importancia do servizo, que poden solicitar todas persoas cuns ingresos persoais de ata 21.000 euros, para facilitar a permanencia dos maiores no fogar, coa mellor calidade de vida posible.